O territorio de Brión foi ben pisado de vez polas culturas máis antigas, e delo quedaron abundantes restos: da cultura megalítica, o campo de mámoas de Raña Longa; dos celtas, ademais do xacemento arqueolóxico de Santa Cecía, os castros Lupario, de Lamiño, Boullón, Forxán, Pousada, Vioxo e Ons; dos romanos, o hipocaustum de Cirro e a calzada romana "per loca marítima", que atravesaba Luaña, Viceso e Ons ata pasa-lo río Tambre cara Grandomirum (Brandomil) pola ponte Pías, relacionada coa lenda xacobea da traslación do corpo do Apóstolo.
Toda a idade media de Brión e ben entrada a moderna estiveron marcadas pola poderosa familia dos Moscoso .
Desde a fortaleza de Altamira (na parroquia de San Fins de Brión), dominaron boa parte da Galicia norte, desde Ribadeo a Corcubión. Rui Sánchez de Moscoso, logo da batalla de Altamira en 1471, na que desbaratou o asedio das tropas do arcebispo Alonso II de Fonseca, deuse o título de I Conde de Altamira. Co progresivo traslado da nobreza galega á Corte por mor da política centralista desde os Reis Católicos, a fortaleza de Altamira foi quedando deshabitada ata o seu abandono total no século XIX. Hoxe quedan os seus nobles restos nunha impresionante atalaia que domina todo o val da Amaía.
Tódolos datos sobre o pasado de Brión pódeos encontra-lo lector no libro publicado polo concello Brión, historia, economía, cultura e arte , do que é autor Clodio González Pérez. (Ed. Toxosoutos. 1998).