Desde o punto de vista xeográfico, Brión está dividido en dúas zonas.
A primeira, máis próxima a Santiago, formando o delicioso val da Amaía regado polo evocador río Sar.
A segunda, na vertente do Tambre, que demarca o Concello polo norte formando o encoro Barrié de la Maza.
Brión ten por veciños a sete municipios: Ames, Negreira, Serra de Outes, Noia, Lousame, Rois e Teo.
Conta con 75 quilómetros cadrados e unha poboación de 6.500 habitantes, que está en progresivo aumento gracias á atracción que exerce a súa proximidade a Santiago, á fermosura das paisaxes e ó esmero na ordenación urbanística.
A Amaía goza dun microclima ostensiblemente benigno: temperaturas moderadas e considerable proporción de días despexados.
O relevo é lixeiramente ondulado, con alturas máximas nos montes que demarcan o termo municipal polo sur: Santa Cecía en Bastavales e Pedra do Coro en Cornanda, que serven de miradoiros respectivamente ás rías de Arousa e Noia. A altitude vai dos escasos 30 metros na ribeira do río Sar ata pouco máis de 525 nos picos meridionais.